O Rompetiño Jump aposta polo deporte urbano, acollendo en Porto do Son á Liga Xunta de Galicia de Break. Música, Parkour, Skate, BMX e Break foron as principais actividades deste festival galego que medra a pasos axigantados en cada edición.
Na competición de Break, nesta ocasión na modalidade mixta 2vs2, participaron 22 parellas con 44 participantes achegados desde todos os recunchos de Galicia. Foi unha xornada moi distinta á que ven sendo habitual na Liga, maiores competindo en parella con nenos, mozos con mozas e mesmo principiantes con avanzados. O certo é que os asistentes puideron gozar dunha xornada chea de enerxía e abarrotada de cultura urbana, sendo o Rompetiño un evento cultural, xuvenil e deportivo de referencia.
Bboy Retro Kid, ao que estamos acostumados a velo impartindo obradoiros en todos os eventos da Liga, despois de máis de 5 anos sen competir, volveu á escena representando, xunto a Bboy Serlli, ao equipo chamado Compostela Breakers, que acabou colgando as medallas de prata tras a batalla final contra Flying Clan (Arthur e Lil Rays).
O terceiro lugar foi para Bboy Amor e Bboy Gnomo que tras a votación do xurado (2 votos a favor e 1 en contra) deixaron a Inthecisos de Vigo (Sinopsis e Moncho Muchacho) na cuarta posición.
The Hood (Xayna e Gizmou), Vigonte (Jumber e Manu), Fresh Design (Mini Ali e Caba) e Breaking Clan (Rubio e «H») deixaron grandes momentos nos cuartos de final.
Tamén foi un pracer ver a Bboy Aca e Bboy Chris, a parella máis nova da liga (6 anos), que xunto a outra boa fornada de parellas: Sisters, M&M’s, Vigo Street, etc. que demostraron o bo nivel que está a ter o Breaking Galego.
RESULTADOS
🥇Fliying Clan
🥈Compostela Breakers
🥉David’s Crew
4️⃣Inthecisos
Xurado:
– Chiscrow
– Danny Faka
– Marcel
🎤Anxo Flava
🎶 DJ Mil
#LigaXuntaBreak
Fotos: Andrea Carleos (Concello de Porto do Son)